Unha "Foliada!" para celebrar o Día das Letras Galegas
Lanzamos, xunto a Gadis, unha nova iniciativa para conmemorar a nosa lingua, cultura e ás cantareiras homenaxeadas
Un ano máis, Gadis contou con nós para levar a cabo unha acción conmemorativa polo Día das Letras Galegas. Para nós sempre é un pracer ter a oportunidade de utilizar a nosa creatividade para darlle valor á lingua e á cultura galega como vimos facendo os últimos anos con accións como 15 voces da nova poesía galega, Versos na rúa, Tirabeque ou Flores e Letras.
Reinterpretando o legado das cantareiras
Neste 2025, o Día das Letras Galegas homenaxea a poesía popular oral, personificándoa nas figuras de Adolfina e Rosa Casás Rama, Eva Castiñeira Santos e as Pandeireteiras de mens (Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda).
A poesía popular oral ten moito que ver con interpretar e reinterpretar, xa que cada persoa achega o seu toque personal facéndoa súa no momento de recitar, por iso, o noso obxectivo era mesturar o tradicional co actual, facendo unha reinterpretación de varias coplas das cantereiras, combinando poesía, música e ilustración, nunha auténtica Foliada!
Para conseguilo, fixemos unha selección entre coplas popular, intentando atopar as que mellor se adaptaban a nosa idea. Coa axuda do Museo do Pobo Galego, que nos cedeu as pistas das coplas, escollemos coplas das cantareiras homenaxeadas que serían as que utilizaríamos na nosa reinterpretación.
Cada unha das coplas foi reinterpretada a través dun texto e unha ilustración propias levadas a cabo polas artistas galegas: Ledicia Costas, Yolanda Castaño, María Lado, Esther F. Carrodeguas e María Solar, en texto, e Iria Fafián, Xoana Almar, Laura Mahía, María Montes e Laura Tova, en ilustración.
Unha edición única
Estas cinco láminas incluíronse nunha coidada edición en funda de vinilo, para a que deseñamos unha imaxe personalizada, simulando una pandeireta. O obxectivo do deseño e de utilizar a "funda de vinilo" era deixar clara a importancia que tiña a música no Día das Letras Galegas deste ano.
Producíronse 30.000 exemplares que se repartiron de balde nos Supermercados Gadis de Galicia o día 16 de maio esgotándose nunhas poucas horas. Xunto ás láminas, repartíronse bolsas conmemorativas.
Deseñamos unha web propia na que a xente que non conseguiu a edición física pode descargar Foliada! de balde e incluímos toda a información da campaña, así como as gravacións das coplas que utilizamos para a reinterpretación.
Ademais, como a edición física gustou tanto á xente, tamén levamos a cabo un sorteo na web de 20 packs.
Compartir cultura e tradición
Facer da cultura algo vivo, e ter a oportunidade de levala ás casas da xente con este tipo de iniciativas nas que clientes como Gadis nos deixan liberdade de creación, é un auténtico privilexio para nós. Por iso estamos moi orgullosas de ver o bo recibimento que tivo Foliada! e o valor que lle está dando a xente a esta iniciativa tan coidada como única coa que quixemos render a nosa mellor homenaxe ás cantareiras, á cultura galega e ás nosas tradicións.