Gañadores nos XXVIII Premios da Publicidade en Galego
A acción premiada foi a campaña "Treixadura. Modo Ribeiro", realizada para o CRDO Ribeiro
Vimos de recibir o Premio da Publicidade en Galego na categoría de "Mellor campaña en Internet". O premio, outorgado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, coa colaboración do Parlamento de Galicia e mais o Foro Enrique Peinador, entregouse o 3 de outubro no Pazo do Parlamento de Galicia.
Na entrega, Fátima Carmena, a nosa directora, agradeceu á organización polo premio e ao CRDO Ribeiro pola confianza nunha campaña que, como lembrou, "realizamos en pleno confinamento, coas limitacións que isto implicaba".
"Treixadura. Modo Ribeiro", creatividade en plataformas dixitais
A campaña premiada, “Treixadura. Modo ribeiro”, desenvolveuse para promocionar os viños elaborados con esta uva, característica da DO Ribeiro.
Nela creamos diferentes pezas audiovisuais, adaptadas ás diferentes plataformas dixitais, ademais de contidos para redes sociais e mesmo unha web con contidos "ocultos" que só son accesibles ao "activar o modo ribeiro". Tamén desenvolvemos a campaña promocional online, incluíndo a xestión de influíntes e prensa.
Con este, sumamos o noso 3º Premio á Publicidade en Galego
O premio recibido pola campaña "Treixadura. Modo Ribeiro", súmase aos Premios da Publicidade en Galego que recibimos en anos anteriores pola campaña "Fai Historia con nós", realizada para a Universidade de Vigo, e pola campaña "#GadisMúsica", realizada para Gadis.
Este é un importante recoñecemento, que se suma aos diferentes premios que estamos a recibir nun ano tan importante para nós como é o do noso décimo aniversario e que nos anima a continuar poñendo a nosa creatividade ao servizo dos nosos clientes.