Galego de Tranquis: promovendo o uso do galego entre a xente nova
Presentámosvos os detalles da nosa última campaña para a Área de Normalización Lingüística da U. Vigo
En Nasas cremos firmemente na máxima de que "o peor galego é o que non se fala", por iso fíxonos moita ilusión que dende a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo contasen connosco para promover o seu uso entre a mocidade e persoal das distintas facultades.
O reto
Unha das maiores resistencias que encontra a xente, sobre todo a máis nova, á hora de falar galego no seu día a día é o medo a non facelo ben ou ser xulgado.
O noso reto á hora de enfocar nesta campaña era encontrar a forma de conseguir que a rapazada deixase atrás estas barreiras e facer que se sentisen cómodos falando galego.
A idea
Con este obxectivo, partimos da idea de crear un ambiente favorable e acolledor para todas as persoas que desexan comezar a falar galego pero que se atopan nesta situación. Así nace "Galego de tranquis", un concepto creado para dar a entender que comezar a falar galego é algo sinxelo e que non tes que sentir presión á hora de facelo por non ser 100% correcto en todo momento e que se pode facer ao ritmo que cadaquén considere.
Un concepto directo, claro e amigable, ao que decidimos engadir o subclaim "Entra na túa zona de confort" buscando a contraposición coa coñecida mensaxe "saír da zona de confort", tratando así de facer énfase nos aspectos positivos e pracenteiros de comunicarse na nosa lingua.
Do concepto á imaxe
Á hora de crear a imaxe desta campaña, baseámonos nunha imaxe "tranqui", acorde ao concepto, con poucos elementos para que destacase a mensaxe.
Seguimos unha liña estética influenciada polos anos 70, pero dándolle un toque máis actual, con cores vivas e fondos degradados, buscando que os materiais destacasen entre os distintos cartaces que se poden atopar nunha universidade.
Adaptamos a imaxe a cartaces e roll-ups para as vestir as facultades coa nosa mensaxe.
Preparamos toda unha serie de contidos para as distintas redes sociais da Universidade de Vigo e da Área da Normalización Lingüística, pensando nos intereses e gustos da xuventude, e adaptando o que queríamos dicir ás necesidades e tendencias de cada plataforma, facendo especial fincapé en Instagram e TikTok.
Ademais, creamos manteis para as cafetarías das facultades (un lugar bastante concorrido polo estudantado), que convidaban a conversar, adhesivos para que a rapazada puidese pegar nos seus portátiles, e camisetas e tote-bags co lema da campaña para sortear entre o estudantado (ou entre quen gustase delas).
Galego de tranquis chega á xente
Despois de crear a imaxe e os materiais da campaña, chegaba o momento da verdade.
Desenvolvemos a campaña en tres fases, comezando a principios de ano, seguindo en primaveira e rematando en outono, promocionando Galego de Tranquis en medios online dirixíndonos ao público universitario, enchemos as facultades cos nosos cartaces e amplificamos os contidos das redes sociais con social ads e a colaboración de creadores de contido.
Entre as dúas etapas da campaña, conseguimos máis de 2,7 millóns de impresións e unhas valoracións moi positivas nas redes da Universidade, pero o verdadeiramente importante non eran os números, se non conseguir que a mocidade se dese conta que falar galego é para todo o mundo e non ten que ser unha situación incómoda para ninguén.
Así que xa sabedes, xente: a falar galego e a vivir de tranquis!
E lembrade, podedes ver este e máis proxectos no noso portfolio.