Aquí tamén se fala, espallando o galego por rúas e redes
Entrevistamos a Alberto Pombo, unha das persoas detrás do proxecto que busca rachar con prexuízos sobre a lingua galega
Nos últimos meses tivemos a oportunidade de observar como rúas, locais comerciais e redes sociais se enchían de apoios á iniciativa Aquí tamén se fala, unha proposta que nacía no IES Rafael Dieste da Coruña e que se foi espallando como a pólvora por rúas, vilas e cidades galegas.
En que consiste esta campaña? Conversamos con Alberto Pombo, unha das persoas responsables detrás da iniciativa.
Nasas: Como naceu a campaña e cal era o voso principal obxectivo?
Alberto Pombo: “Aquí tamén se fala” naceu nas aulas de literatura galega do insituto coruñés Rafael Dieste como unha acción de resposta aos estereotipos sobre a lingua na cidade e entre a mocidade e, tamén, canalizando a forza e o ímpeto dunha rapazada con vontade de facer accións activas, de base e verdadeiramente transformadoras da realidade.
Encontrastes dificuldades para levar a cabo a iniciativa?
Pois –se cadra para sorpresa de moitos– ningunha. A resposta dos negocios que adheriron foi rotunda e camiñamos cara os 30.000 espazos que exhiben orgullosos que alí tamén se fala galego. Do mesmo xeito institucións ou clubes deportivos de primeiro nivel como o Dépor, o Celta, o Racing, o Lugo, o Breogán, o Obradoiro, o Balonmán Cangas, o Arenal Emevé... Todo foron facilidades e unha suma de forza activa gravando vídeos ou realizando accións. Agora que xa ten un percorrido e hai tantos centros, locais e persoas públicas que se sumaron á campaña.
Cales son as vosas sensacións ao respecto e cales serán os seguintes pasos de #AQUÍTAMÉNSEFALA?
Arcadio González e eu propio, coa forza de Mónica Reigía, Andrea Trasancos e Rubén Melide (todos profesores e membros do Equipo de Dinamización da Lingua do IES Rafael Dieste), levamos meses facendo reunións periódicas con institucións públicas, entidades de masas, e con rapazada envolvida activamente na defensa da lingua. E atentos para o mes de xuño, que chega unha sorpresa maiúscula e sen precedentes para un centro de ensino. Estaremos fóra, na cidade. E será un colofón aberto ao conxunto da cidadanía. Mais isto está lonxe de terminar, nas redes sociais (@aquitamensefala) irán saíndo novas accións, máis saúdos á campaña e moito máis contido audiovisual e gravacións musicais. Vistes a de Ataque Escampe no Campo da Leña? Pois atención, que veñen sorpresas.
Cal foi o momento de toda esta viaxe que máis ilusión vos fixo?
Esta iniciativa móvese por ilusións. Como cando chegamos ao número de 200 centros de ensino de todo o país sumados ao proxecto; como cando recibimos o saúdo de Viggo Mortensen ou de tantos outros referentes culturais; como cando vimos os vídeos que preparon os clubes deportivos e o Dépor anunciou a campaña diante de 22.000 espectadores; ou como cando recibín a chamada de Laura Lizancos para informar de que os máis de 3.000 rapaces das aulas hospitalarias do Materno Infantil e do Oncolóxico do CHUAC tamén querían entrar na campaña.
Se hai que escoller apenas un momento: cando o alumnado procedente doutras realidades –como no caso de Oliezer ou Juliamny que naceron no Caribe venezolano– comezou a falar galego mesmo coas súas familias para facilitar a integración porque xa son, tamén e sen ambaxes, de aquí. Porque falar galego intégraos, axúdaos a vivir intensamente unha cultura e unha forma de entender o mundo, e porque –por fin– deixa de etiquetalos perentoriamente como estranxeiros baixo a terrorífica frase “háblales castellano, que son de afuera”.
Por que pensas que son importantes estas iniciativas e que cres que é necesario para que vexamos máis movemento en favor de falar galego?
É precisa unha viraxe de timón nas políticas lingüísticas. É fulcral a creación de espazos de prestixio para a lingua galega nos ámbitos de consumo da mocidade: música, audiovisual etc. E é urxente, do mesmo xeito, unha reorientación do programa curricular do ensino galego. Hai forza. Hai vontade de transformación. Mais a lingua non é unha cuestión individual, senón social. Colectiva. E, como tantas outras cousas que nos constrúen, unha lingua é tamén identidade. Negala, como calquera outra marca que nos defina, impide a nosa felicidade como individuos. A lingua integra. A lingua suma.
Por último, como cres que inflúen e poden axudar as redes sociais a este tipo de iniciativas?
Hai un poema de Manuel Vilas que –con moito humor– di que se Lenin estivese en Zaragoza, estaría comendo no McDonald’s da Praza Maior. Coa xente. Co pobo. Para nós é a mesma cousa: a nosa revolución pasa polas redes sociais. Estamos onde temos que estar, a carón dos novos modelos de ocio e comunicación.
Alberto Pombo